Tolerancia cero coa LGBTIfobia: crear contornas seguras desde a prevención

A expresión “tolerancia cero” adoita ser mal interpretada. Pode entenderse que
unha política de tolerancia cero implica unha sanción inmediata e automática ante
calquera erro, mais a proposta é moi distinta: consiste en non deixar pasar sen
sinalar ningunha manifestación de LGBTIfobia, por pequena que pareza, para
evitar que se consoliden dinámicas perigosas que deriven en situacións graves

Que é realmente a tolerancia cero?

É unha política de prevención e de actuación baseada en tres principios:

  1. Verbalizar e facer visible o que non está ben: microagresións, bromas,
    comentarios triviais.
  2. Corrixir de forma respectuosa: desde a empatía e o diálogo.
  3. Construír unha cultura de respecto: onde a LGBTIfobia non teña espazo.

A tolerancia cero non busca castigar, senón educar e previr. Implica recoñecer que a
sociedade na que nos criamos e o noso marco cultural fai que normalicemos nesgos
e comportamentos que discriminan ás persoas que se afastan das normas sociais.
Todas as persoas manifestan algunha forma de LGBTIfobia, machismo, racismo,
capacitismo e demais violencias sistémicas, incluso quen pertence aos mesmos
colectivos cara os que se dirixen esas violencias.

Unha perspectiva de tolerancia cero fronte a estas violencias asume que evitar estes
comportamentos e actitudes require dunha aprendizaxe e atención constante.
Require manter a mente aberta para ser quen de recoñecer os propios erros cando
son sinalados, sen interpretar as críticas cara un comportamento concreto como
críticas cara a propia persoa.

Cando se entende que só unha persoa LGBTIfóbica ten actitudes LGBTIfóbicas, isto
dificulta sinalar este tipo de actitudes e detectalas nunha mesma. Faise unha
lectura moral destes comportamentos, entendendo que quen exerce estas
violencias o fai porque é “mala persoa”, e esta forma de pensar é contraproducente
á hora de combater a LGBTIfobia e outras formas de discriminación.

Cando a unha persoa que ten unha opinión positiva de si mesma no plano moral,
alguén que se considera a si mesma unha boa persoa, se lle sinala un
comportamento como LGBTIfóbico, isto produce un choque cognitivo. Deixar claro
que se está a sinalar o acto e non á persoa axuda a procesar a situación dun xeito
máis aberto, que leve a un aprendizaxe e crecemento persoal. Pola contra, resolver
o conflito desde unha perspectiva punitiva e moralista pode levar a que a persoa se
peche e se negue a recibir a crítica.

Neste senso tamén é fundamental dar explicacións claras sobre por que unha
conduta ou actitude é discriminatoria ou violenta. Recriminar o uso de certas
palabras e expresións sen explicar o motivo pode xerar confusión e resentimento, en
especial no caso de termos que están normalizados en ambientes casuais.

No canto de ver estas situacións como momentos nos que as alternativas son
ignorar o comentario ou recriminalo desde unha posición de superioridade moral,
poden verse como oportunidades de aprendizaxe colectiva.

Como aplicar a tolerancia cero na práctica?

  • Formar a todas as persoas da empresa en materia de diversidade e inclusión.
  • Ter en conta todas as formas de discriminación. Un ambiente no que se
    permite un comentario machista é un ambiente no que é máis probable
    escoitar un comentario racista ou LGBTIfóbico.
  • Establecer indicacións sinxelas para corrixir erros:
  1.  “Preferimos non usar ese tipo de expresións, porque…”.
  2. “Ese comentario pode incomodar, porque…”.
  • Acompañar as correccións con explicacións claras, evitando o uso dun ton
    condescendente ou recriminatorio.
  • Promover unha cultura onde se recoñeza e celebre o bo trato.

A tolerancia cero é unha aposta pola convivencia, pola prevención e pola creación de
espazos seguros onde todas as persoas poidan ser elas mesmas.