A expresión “tolerancia cero” adoita ser mal interpretada. Pode entenderse que unha política de tolerancia cero implica unha sanción inmediata e automática ante calquera erro, mais a proposta é moi distinta: consiste en non deixar pasar sen sinalar ningunha manifestación de LGBTIfobia, por pequena que pareza, para evitar que se consoliden dinámicas perigosas que deriven en situacións graves
Que é realmente a tolerancia cero?
É unha política de prevención e de actuación baseada en tres principios:
- Verbalizar e facer visible o que non está ben: microagresións, bromas, comentarios triviais.
- Corrixir de forma respectuosa: desde a empatía e o diálogo.
- Construír unha cultura de respecto: onde a LGBTIfobia non teña espazo.
A tolerancia cero non busca castigar, senón educar e previr. Implica recoñecer que a sociedade na que nos criamos e o noso marco cultural fai que normalicemos nesgos e comportamentos que discriminan ás persoas que se afastan das normas sociais. Todas as persoas manifestan algunha forma de LGBTIfobia, machismo, racismo, capacitismo e demais violencias sistémicas, incluso quen pertence aos mesmos colectivos cara os que se dirixen esas violencias.
Unha perspectiva de tolerancia cero fronte a estas violencias asume que evitar estes comportamentos e actitudes require dunha aprendizaxe e atención constante. Require manter a mente aberta para ser quen de recoñecer os propios erros cando son sinalados, sen interpretar as críticas cara un comportamento concreto como críticas cara a propia persoa.
Cando se entende que só unha persoa LGBTIfóbica ten actitudes LGBTIfóbicas, isto dificulta sinalar este tipo de actitudes e detectalas nunha mesma. Faise unha lectura moral destes comportamentos, entendendo que quen exerce estas violencias o fai porque é “mala persoa”, e esta forma de pensar é contraproducente á hora de combater a LGBTIfobia e outras formas de discriminación.
Cando a unha persoa que ten unha opinión positiva de si mesma no plano moral, alguén que se considera a si mesma unha boa persoa, se lle sinala un comportamento como LGBTIfóbico, isto produce un choque cognitivo. Deixar claro que se está a sinalar o acto e non á persoa axuda a procesar a situación dun xeito máis aberto, que leve a un aprendizaxe e crecemento persoal. Pola contra, resolver o conflito desde unha perspectiva punitiva e moralista pode levar a que a persoa se peche e se negue a recibir a crítica.
Neste senso tamén é fundamental dar explicacións claras sobre por que unha conduta ou actitude é discriminatoria ou violenta. Recriminar o uso de certas palabras e expresións sen explicar o motivo pode xerar confusión e resentimento, en especial no caso de termos que están normalizados en ambientes casuais.
No canto de ver estas situacións como momentos nos que as alternativas son ignorar o comentario ou recriminalo desde unha posición de superioridade moral, poden verse como oportunidades de aprendizaxe colectiva.
Como aplicar a tolerancia cero na práctica?
- Formar a todas as persoas da empresa en materia de diversidade e inclusión.
- Ter en conta todas as formas de discriminación. Un ambiente no que se permite un comentario machista é un ambiente no que é máis probable escoitar un comentario racista ou LGBTIfóbico.
- Establecer indicacións sinxelas para corrixir erros:
- “Preferimos non usar ese tipo de expresións, porque…”.
- “Ese comentario pode incomodar, porque…”.
- Acompañar as correccións con explicacións claras, evitando o uso dun ton condescendente ou recriminatorio.
- Promover unha cultura onde se recoñeza e celebre o bo trato.
A tolerancia cero é unha aposta pola convivencia, pola prevención e pola creación de espazos seguros onde todas as persoas poidan ser elas mesmas.