Vivir e traballar con VIH: entre os avances normativos e as barreiras que aínda persisten

Grazas aos progresos médicos e cambios normativos moitas das dificultades que marcaron
o inicio da epidemia da SIDA foron superadas. Porén, as vivencias das persoas con VIH
amosan que aínda persisten retos que esixen atención e accións concretas, en especial
vencellados ao estigma.

Vivir con VIH na Galicia do século XXI significa, na maior parte dos casos, convivir cun
diagnóstico crónico cuxo impacto sobre a vida e a saúde da persoa é moi limitado. Porén,
eliminar o estigma social xerado ao longo de décadas de alarma social e restricións sen
xustificación trátase dunha carreira de fondo.

O 1 de decembro, data na que desde 1988 se celebra a nivel internacional o día da loita
contra a SIDA, é na actualidade reivindicado por colectivos activistas como día da loita contra
a serofobia. Esta viraxe reflicte como na actualidade, en contextos nos que a cidadanía ten
acceso a un sistema sanitario de calidade, o estigma supón un maior reto no día a día que a
propia enfermidade asociada.

 

Un pasado de prohibicións e estigma

Cando o VIH/SIDA emerxeu en España e no mundo nos anos 80, establécense prohibicións
e prácticas discriminatorias que excluían automaticamente ás persoas con VIH de moitos
empregos, manifestándose a través de despidos, obrigas de revelación do estado serolóxico
ou exclusións en procesos de selección. Estas prácticas non só vulneraban dereitos
fundamentais, senón que reforzaban o estigma social xa existente, dificultando a integración
e a visibilidade no mercado laboral.

Algunhas destas restricións e medidas discriminatorias no eido laboral non foron retiradas ata
datas moi recentes. Ata 2018 os cadros médicos de exclusión para acceder ao emprego
público en España incluían o VIH como motivo de exclusión para moitos postos, desde
persoal administrativo ata corpos de seguridade e forzas armadas, o que significaba que quen
tiña VIH podía quedar automaticamente fóra das oposicións ou procesos de selección. O 30
de novembro de 2018, o Consello de Ministros acordou eliminar o VIH como motivo de
exclusión no acceso a calquera emprego público e revisar os cadros médicos de exclusión
para axustalos á evidencia científica actual.

Algunhas restricións tamén afectaban directamente ao sector privado. A regulación que esixe
aptitude psicofísica para obter a licenza de armas e traballar en seguridade privada contiña
requisitos que impedían que as persoas con VIH puidesen acceder a eses empregos,
recollendo o VIH como causa de inaptitude per se. Foi o Real Decreto 426/2023 do 6 de xuño,
polo que se modifica o Real Decreto 2487/1998, do 20 de novembro, polo que se regula a
acreditación da aptitude psicofísica necesaria para ter e usar armas e para prestar servizos
de seguridade privada, o que eliminou o VIH como causa de exclusión neste eido.

As limitacións legais convivían, ademais, con prácticas laborais discriminatorias que non
sempre quedaban reflectidas na norma: despedimentos encubertos, presións para revelar o
estado serolóxico ou vetos informais á contratación. Todas elas contribuíron a consolidar un
estigma estrutural, que obrigou a moitas persoas a ocultar o seu diagnóstico no lugar de
traballo por medo ás consecuencias profesionais. Foi no ano 2022 cando se aprobou a Lei
15/2022, do 12 de xullo, de igualdade de trato e non discriminación, que prohibe de maneira
explícita a discriminación no emprego e na prestación de bens e servizos por razón de
seropositividade, entre outras características.

Nos últimos anos sentenzas xudiciais foron consolidando este avance, como unha resolución
do Xulgado do Contencioso-Administrativo Número 2 de Navarra, nunha sentenza do 27 de
decembro de 2024 que recoñeceu que a redución da vixencia dun permiso de conducir por
vivir con VIH constitúe discriminación.

 

As vivencias na actualidade

Aínda que a normativa e a medicina evolucionan, a experiencia directa mostra que non todo
cambiou. O estigma asociado ao VIH persiste e deixa pegadas profundas no día a día: desde
o medo a revelar o estado serolóxico no traballo ata a ansiedade por posibles reaccións
negativas por parte do resto do persoal. A persistencia de ideas erróneas sobre a transmisión
do virus e a relación entre as persoas con VIH e a “inseguridade” na contorna laboral segue
sendo unha barreira emocional e social, aínda que non exista risco real de transmisión no
ámbito de traballo.

Os datos tamén reflicten a magnitude do problema: informes recentes da asociación CESIDA
mostran que moitas persoas con VIH experimentan algunha forma de estigma e
discriminación na súa vida cotiá, con manifestacións que inclúen exclusións sociais ou
comentarios despectivos, situacións que sen dúbida afectan a confianza e participación no
mercado laboral e na sociedade en xeral.

É esencial seguir impulsando políticas de sensibilización nas empresas, formación continua
e mecanismos reais para garantir que todos e todas poidan vivir e traballar con VIH con
dignidade, integridade e igualdade de oportunidades