Un municipio galego recoñecido a nivel europeo polo seu compromiso coa inclusión

O concello ourensán de San Xoán de Rio vén de ser recoñecido nos Premios Capitais Europeas da Inclusión e a Diversidade 2026, destacando polo seu compromiso coa igualdade de trato e a creación de contornos máis inclusivos no ámbito social e laboral.

A inclusión e a diversidade continúan gañando protagonismo nas políticas públicas europeas, especialmente no ámbito local, onde as iniciativas teñen un impacto directo na vida da cidadanía. Neste contexto, o concello de San Xoán de Río, provincia de Ourense, vén de ser
distinguido nos Premios Capitais Europeas da Inclusión e a Diversidade 2026, unha iniciativa promovida pola Comisión Europea para recoñecer o labor das administracións locais na loita contra a discriminación.

O galardón pon en valor o traballo desenvolvido por entidades locais de menos de 50.000 habitantes na promoción da igualdade de trato e de oportunidades, atendendo a diferentes eixos como o xénero, a idade, a orixe étnica ou racial, a diversidade funcional ou a orientación sexual e identidade de xénero. Este municipio galego de menos de 1000 habitantes acadou o terceiro posto na súa categoría, só superado polas vilas de Rentería e Orio, as dúas localizadas na provincia de Guipúzcoa. A participación de municipios rurais galegos neste tipo de iniciativas evidencia o compromiso crecente do territorio coa construción de sociedades máis inclusivas e cohesionadas.

Este recoñecemento inscríbese no marco do Mes Europeo da Diversidade, que no ano 2026 presta especial atención á creación de contornas laborais inclusivas. Neste sentido, as políticas locais desempeñan un papel clave ao facilitar o acceso ao emprego e promover condicións laborais equitativas para todas as persoas, especialmente en contextos rurais ou de menor dimensión, onde as administracións de proximidade teñen unha capacidade singular de intervención.

A experiencia deste municipio galego pon de relevo a importancia de integrar a perspectiva da diversidade de maneira transversal nas políticas públicas, favorecendo tanto a inclusión social como a dinamización económica. A aposta por contornas máis xustas e accesibles contribúe non só á mellora da calidade de vida da cidadanía, senón tamén ao fortalecemento do tecido produtivo e á xeración de oportunidades no ámbito laboral, especialmente necesarias no rural.

Así mesmo, este tipo de iniciativas ofrecen referentes útiles para outras administracións locais e organizacións, ao demostrar que é posible avanzar cara a modelos de desenvolvemento máis inclusivos e sostibles independentemente do tamaño do concello. O recoñecemento europeo supón, neste sentido, un estímulo para continuar impulsando medidas que garantan a igualdade real e efectiva no acceso ao emprego e na participación social.