Baños e aseos non segregados

Nos últimos anos os estudos académicos na materia coinciden en sinalar os cuartos de baño e aseos como espazos concretos nos que se exerce maior violencia contra as persoas LGBTI ou calquera persoa cunha expresión de xénero non normativa. As persoas trans enfrontan posibles agresións tanto verbais como físicas tanto se usan as instalacións que lles corresponde coa súa identidade vivida, como se usan as
instalacións que corresponden co seu sexo asignado ao nacer, e incluso persoas cis que rachan cos estereotipos de xénero, como mulleres de cabelo curto e roupa pouco feminina, están a ser foco de agresións nestes espazos.

Neste contexto de escalada de violencia, unha práctica que poden considerar as empresas para mellorar a convivencia e ser máis inclusivas e seguras, é contar con cuartos de baño e aseos non segregados por sexo.

O número e características concretas cos que deben contar estas instalacións en establecementos privados vese afectado por distintas normativas tanto a nivel estatal como autonómico e municipal, e varían en grande medida segundo o tipo de establecemento. Así, á hora de decidir se adoptar esta medida nun local, oficina, fábrica ou explotación, é imprescindible ser consciente da legalidade vixente que afecta a cada caso concreto.

A nivel estatal, o Real Decreto 486/1997, de 14 de abril, polo que se establecen as disposicións mínimas de seguridade e saúde nos lugares de trabalo, recolle no seu anexo V as disposicións relativas aos servizos hixiénicos e lugares de descanso nos centros de traballo. No punto 2, vestiarios, duchas, lavabos e retretes, recolle a seguinte disposición: 10. Os vestiarios, locais de aseos e retretes estarán separados para homes
e mulleres, ou deberá preverse unha utilización por separado dos mesmos. Non se utilizarán para usos distintos de aqueles para os que estean destinados.

Deste xeito, para cumprir co establecido na normativa estatal, un cuarto de baño ou aseo só poderá ser non segregado se se trata dunha instalación de uso individual, que a persoa usuaria poida pechar desde dentro, que estea debidamente sinalizada e que conte cun contedor para depositar produtos de hixiene menstrual. Isto permite garantir o uso separado das instalacións por homes e mulleres xa que só unha persoa fará uso das mesmas ao mesmo tempo. Instalacións nas que os aseos conten cun vestíbulo de uso común e dentro do mesmo se acceda a cubículos individuais con retretes non se axustan á normativa.

En establecementos privados que, polo volume de persoal empregado ou volume de clientela, non sexa posible contar con cuartos de baño ou aseos individuais suficientes, pode contarse con instalacións segregadas para dar servizo ás persoas usuarias do establecemento, e a maiores contar cun aseo ou cuarto de baño non segregado de uso individual.

No caso de contar con instalacións para homes, para mulleres, e instalacións non segregadas, é importante que o uso das instalacións non segregadas sexa accesible sen restricións para todas as persoas. Só permitir o acceso ao aseo non segregado a persoas trans, ou a persoas LGBTI, pode parecer unha medida de acción positiva dirixida a que conten cun espazo propio e seguro, mais na práctica implica un estigma para quen faga uso das instalacións, alienación ao respecto do resto de persoal, e a obrigación de “saír do armario” (manifestar publicamente a identidade) como requirimento para facer uso dun dereito.