Presentado na USC o primeiro estudo integral sobre a situación das mulleres lesbianas* en Galicia

Galicia é a primeira comunidade autónoma do estado en contar cun estudo integral sobre as
mulleres lesbianas e bisexuais. O proxecto foi impulsado pola rede profesional LesWorking e
financiado pola Consellería de Política Social e Igualdade.

A Facultade de Ciencias Políticas e Sociais da USC acolleu este xoves a presentación do
Estudo sobre a situación das mulleres lesbianas* en Galicia, un proxecto pioneiro impulsado
por LesWorking e financiado pola Consellería de Política Social e Igualdade. A investigación
foi elaborada por un equipo da Universidade de Santiago de Compostela e constitúe a
primeira análise específica centrada unicamente na realidade das mulleres lesbianas* no
contexto galego.

Durante o acto interviñeron a Directora Xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, a
presidenta de LesWorking, Marta Herráiz, e o persoal investigador responsable do estudo,
Amparo Novo e Ignacio Elpidio Domínguez. Todas as relatoras coincidiron en salientar a
relevancia dunha investigación que cobre un baleiro histórico de información e que permitirá
deseñar políticas públicas e accións empresariais baseadas na realidade material.

Segundo o informe, a realidade das mulleres lesbianas* en Galicia está atravesada pola
diversidade territorial, xeracional e socioeconómica. LesWorking aplica un concepto inclusivo
da etiqueta lesbiana* representado polo asterisco que engaden ao termo, aplicado a todas
as mulleres e persoas non binarias que senten atracción por mulleres, polo que o estudo
tamén reflicte unha grande diversidade entre identidades. A investigación combina unha
análise do contexto estatal e galego con entrevistas cualitativas en profundidade, que
permiten retratar con matices os retos e fortalezas desta parte do colectivo LGBTI.

Entre os principais resultados destacan:

1. Visibilidade e identidade

  • As experiencias de visibilidade varían de maneira significativa segundo a idade e o
    lugar de residencia. No eido laboral, a visibilidade é máis frecuente na administración
    pública que no sector privado.

 

  • As mulleres máis novas tenden a vivir a súa orientación sexual con maior apertura,
    mentres que as xeracións maiores describen procesos marcados pola ocultación e o
    medo ao rexeitamento.

 

2. Discriminación, acoso e violencias

  • Unha porcentaxe significativa das participantes experimentou algún tipo de acoso por
    razón da súa orientación sexual nos últimos doce meses, cunha incidencia crecente
    coa idade. As mulleres trans enfrontan maiores niveis de discriminación e barreiras en
    todos os eidos.

 

  • A discriminación maniféstase especialmente en contornas como hostalaría e ocio
    nocturno, aínda que tamén aparece en ámbitos como o laboral ou o acceso a servizos
    públicos.

 

  • As experiencias de violencia física ou sexual son minoritarias, mais non inexistentes,
    e afectan con maior intensidade ás participantes máis novas.

 

3. Saúde e acceso a servizos

  • A maioría das mulleres lesbianas* valoran positivamente o seu estado de saúde, mais
    sinalan dificultades vinculadas aos prexuízos e á falta de formación do persoal
    sanitario.

 

  • Moitas mencionan comentarios inapropiados, curiosidade intrusiva ou a inexistencia
    de protocolos específicos que teñan en conta as súas necesidades.

 

4. Redes de apoio e tecido asociativo

  • O estudo identifica un tecido asociativo LGBTI galego activo e diverso, clave para o
    acompañamento, a visibilidade e o acceso a recursos.

 

  • Con todo, detéctase a necesidade de reforzar recursos especializados no territorio.

 

5. Atribución de responsabilidades e retos sociais

  • As participantes sinalan como actores clave de cambio as institucións públicas, o
    sistema educativo, o sector sanitario e o empresarial.

 

  • Reivindican máis formación en diversidade, protocolos claros contra a discriminación
    e unha maior presenza de referentes visibles.

 

Relevancia para o ámbito laboral galego

Aínda que o estudo aborda a vida das mulleres lesbianas* de maneira ampla, a entidade
impulsora do estudo é unha rede profesional, polo que a información relativa ao eido laboral
conta cun peso especial.

Destaca a falta de visibilidade, especialmente en empresas privadas e sectores altamente
masculinizados. As mulleres lesbianas* con expresión de xénero non axustada á norma
enfróntanse a estereotipos que condicionan a súa empregabilidade ou promoción profesional.
O estudo sinala que a discriminación laboral non sempre é explícita: maniféstase en
comentarios, supostos sobre a vida persoal, ou expectativas que dificultan a conciliación. O
emprendemento aparece como unha opción máis frecuente entre mulleres lesbianas* que
buscan traballar en contornas seguras e autónomas.

Estas evidencias subliñan a importancia de continuar fortalecendo políticas de igualdade,
accións formativas e ferramentas de prevención da LGBTIfobia no lugar de traballo.
O Estudo sobre a situación das mulleres lesbianas* en Galicia constitúe unha achega
fundamental para entender unha realidade que permanecía invisibilizada na maior parte das
análises sobre diversidade. A través deste informe, Galicia dá un paso importante cara á
creación de políticas públicas e intervencións sociais máis axustadas ás necesidades reais
das mulleres lesbianas*, ao tempo que ofrece unha base sólida para que empresas,
administracións e entidades continúen avanzando na construción de contornas laborais
seguras e plenamente inclusivas.