Promover a formación dun grupo de persoal LGBTI e aliado

Un dos factores característicos da discriminación do colectivo LGBTI é o illamento, polo que crear espazos nos cales persoal empregado do colectivo e persoas aliadas poidan entrar en contacto é unha ferramenta especialmente útil. Os grupos de persoas empregadas (chamados en inglés ERG, Employees Resource Groups) son unha ferramenta xa establecida que consiste na formación de grupos ao redor de afinidades específicas, sendo neste caso un compromiso común das persoas que o integren coa inclusión e non discriminación do colectivo LGBTI.


Estes grupos achegan múltiplos beneficios ás empresas, pasando pola visibilización da aposta pola diversidade e por unha contorna inclusiva, as oportunidades de networking profesional para as persoas que os integran, ou a perspectiva de implantación de novas medidas no futuro de maneira orgánica como froito das conversas desenvolvidas neste espazo. Estes grupos poderán traballar co apoio da dirección e de Recursos Humanos en poñer en marcha todo tipo de propostas en materia de igualdade e diversidade.


En Galicia contamos cun referente no mundo da educación, cos grupos de apoio LGBTIQ+ desenvolvidos pola Rede Educativa de Apoio LGBTIQ+, que son conformados por alumnado e profesorado do colectivo en centros de ensino e veñen demostrando un grande éxito como ferramenta de empoderamento das persoas LGBTI así como unha importante capacidade como axentes de transformación social no contexto do seu centro.