Resumo da resolución
O TXUE recoñece o dereito dunha muller trans do Reino Unido a poder acceder ao proceso de xubilación que o Estado recoñecía para as mulleres, após terlle sido denegada a solicitude por considerala este Estado, a efecto de prestacións, coma un home.
O TXUE indica expresamente que a súa sentenza non ten limitación temporal, polo que esta estendeu a súa protección a calquera persoa que se atope en situacións análogas ás da reclamante.
Feitos
Sarah Richards, muller trans nada en 1942 no Reino Unido, decide realizar un tránsito en ámbito de saúde, someténdose a unha intervención cirúrxica de afirmación de xénero no ano 2001.
No tempo de se xubilar, solicita que se lle recoñeza o dereito á pensión aos 60 anos, por ser esta a idade na que as mulleres naquel país podían solicitar a xubilación.
Porén, recibe a denegación do Secretary State. O motivo é que o Reino Unido seguía a considerala, a efectos legais, coma un home, e a solicitude fora feita con máis de catro meses de antelación aos 65 anos, idade na que os homes se podían xubilar.
Despois de recorrer perante o Tribunal de Apelación da Seguridade Social, dirixiuse ao Comisionado da Seguridade Social quen presenta as seguintes preguntas ao Tribunal de Xustiza da Unión Europea:
- “Prohibe a Directiva 79/71 denegar a un transexual, que muda de sexo masculino ao feminino, o recoñecemento da súa pensión de xubilación até que tiver feito a idade de 65 anos, cando a persoa en cuestión tería dereito a ter dita pensión de idade aos 60 anos se tiver sido considerada muller en virtude do Dereito nacional?
- En caso de resposta afirmativa, a partir de que data debe ter efectos a decisión do Tribunal de Xustiza sobre a primeira cuestión?”
Argumentos das partes
O Goberno do Reino Unido argumenta que o Dereito Europeo permitía expresamente aos Estados membros decidir en materia de pensións de xubilación, permitindo articular excepcións ao principio de igualdade de tratamento entre homes e mulleres e que, polo tanto, o feito de que afecte negativamente ás persoas trans “carece de importancia”.
Ademais, considera que non se vulnerou ningún dereito de orixe comunitaria, isto é, un dereito outorgado á cidadanía da Unión Europea en virtude dos seus Tratados e normas, porque o dereito a percibir unha pensión de xubilación só é recollido e outorgado polo Estado.
En troques, a Señora Richards considera que se vulnerou o seu dereito á igualdade de tratamento e non discriminación, pois o rexeitamento do Reino Unido a recoñecer que era unha muller determinou a resolución desestimatoria da pensión de xubilación unha vez esta fixo os 60 anos.
Neste senso, considera que o feito de ter sido tratada desfavorabelmente constitúe unha discriminación ao abeiro do artigo 4, apartado 1, da Directiva 79/72
Decisión do Tribunal
O Tribunal desbota o argumentario do Goberno do Reino Unido en tanto que a denegación da pensión de xubilación supuxo unha discriminación polo cambio de sexo da Señora Richards.
Afirma que aquelas mulleres que non foron obxecto dunha intervención cirúrxica para mudar de sexo si podían ser beneficiarias da pensión de xubilación ao facer 60 anos, requisito máis que cumprido por parte da Señora Richards.
É por iso que o Tribunal de Xustiza da UE estima a pretensión da Señora Richards e considera a denegación da pensión de xubilación por parte do Reino Unido unha discriminación prohibida pola Directiva 79/7.
Aínda que o Tribunal recoñece que os Estados teñen competencia para, en ausencia de lexislación comunitaria, determinar o seu réxime de Seguridade Social (acceso, requisitos, afiliación etc.), o exercicio desta competencia non pode vulnerar o Dereito europeo; nomeadamente, os principios de igualdade de tratamento e non discriminación.
Con respecto á segunda cuestión prexudicial relativa á limitación de efectos desta sentenza, o Tribunal confírelle efectos sen límite de tempo. Isto quere dicir que todas aquelas persoas que, a partir da súa publicación, estean en situacións análogas, poden reclamar aos seus Estados a pensión de xubilación.
1. Esta Directiva asegura o principio de igualdade entre homes e mulleres en materia de Seguridade Social. https://www.boe.es/buscar/doc.php?id=DOUE-L-2000-82357
2. Que recolle: “1.- O principio de igualdade de trato suporá a ausencia de toda discriminación por razón de sexo, xa sexa directa ou indirectamente, en especial correlación ao estado matrimonial ou familiar, particularmente no relativo:
-ao ámbito de aplicación dos réximes e as condicións de acceso aos mesmos.
-á obtida de contribuír e ao cálculo das contribucións.
-ao cálculo das prestacións, incluídos os aumentos debidos polo cónxuxe e por persoa a cargo, e ás condicións de duración e mantemento do dereito ás prestacións.”