Resumo da resolución
É contrario ao Dereito da Unión o establecemento dunha prohibición indirecta ás persoas trans para contraeren matrimonio.
Esta unión matrimonial, no caso analizado, non pode ser requisito indispensábel para poder acceder a unha eventual prestación por viuvez no caso dunha parella formada por unha muller cis e un home trans que, por mor da lexislación de Familia nese momento no Reino Unido, non puideran contraer matrimonio.
Feitos
K.B. traballaba como enfermeira para o NHS, o Servizo Público de Saúde do Reino Unido, e estaba afiliada ao seu sistema de xubilacións, o NHS Pension Scheme.
Durante anos mantivo unha relación con R., un home trans que, malia terse sometido a unha intervención cirúrxica de afirmación de xénero, non puido modificar a súa partida de nacemento para poder corrixir o seu sexo rexistral.
A lei de matrimonio entón vixente no Reino Unido consideraba unicamente os datos rexistrais da partida de nacemento aos efectos do expediente matrimonial; e só permitía o matrimonio entre persoas con diferente etiqueta rexistral do sexo. É por isto, dado que R non puidera modificar a súa certificación de nacemento, R e K.B. non puideron contraer matrimonio.
A NHS Pensions Agency púxose en contacto con K.B. para comunicarlle que sen matrimonio, R. non podería recibir unha pensión de viuvez se K.B. falecía antes ca el.
K.B. recorreu esta decisión ante o Employment Tribunal alegando unha discriminación por razón de sexo contraria ao artigo 141 CE1 e á Directiva 75/1172, xa que consideraba que a normativa comunitaria amparaba un caso coma o da súa relación: unha persoa viúva que non podía chegar a ser considerada como tal por ter realizado previamente unha operación de afirmación de xénero.
O Tribunal desestimou as pretensións de K.B., e esta recorreu perante o Employment Appeal Tribunal, quen tamén as rexeitou. Os dous órganos compartiron unha parte do seu razoamento, ao non advertir unha situación de discriminación.
Finalmente, K.B. veuse obrigada a acudir á Court of Appeal, quen suspendeu o procedemento e formulou a seguinte cuestión prexudicial ao Tribunal de Xustiza da Unión Europea:
- “A exclusión do compañeiro (transexual masculino) dunha muller afiliada ao réxime de pensións do National Health Service, de acordo á cal a única persoa a cargo da afiliada que pode beneficiarse da pensión controvertida é o viúvo, constitúe unha discriminación contraria ao artigo 141 CE e á Directiva 75/117”
Argumentos das partes
K.B. alega que a única causa pola que se lle denega unha eventual pensión a R. é ser unha persoa trans, xa que este é o motivo polo cal non puideron contraer matrimonio.
Argumentando sobre a base da sentenza P. e S. (que tamén podedes atopar entre as comentadas3), K.B. considera que as discriminacións en base á identidade sexual van en contra da normativa comunitaria e que é este o motivo dun tratamento máis desfavorábel no seu caso.
K.B. tamén alude á normativa discriminatoria do Reino Unido que non permite casar ás persoas trans ao non posibilitar a mudanza rexistral do seu sexo.
O Goberno do Reino Unido, pola súa banda, considera que non hai discriminación algunha cara as persoas trans, posto que o requisito do matrimonio opera tanto para os homes como para as mulleres, con independencia do motivo polo que estes non puideran casar.
Ademais, alega que o requisito para causar unha pensión de viuvez é ter contraído matrimonio, non soamente ter unha relación de parella estábel.
A posición da Comisión Europea difire dos argumentos de K.B., ao considerar que este caso nada ten que ver co de P. e S.: naquel litixio a razón principal pola que foi despedida a traballadora era a afirmación de xénero, mentres que neste a cuestión principal, para a valoración da Comisión, é a imposibilidade de contraer matrimonio.
Tamén lembra que son os Estados membros e non a Unión Europea os que establecen o réxime xurídico que se debe aplicar ao matrimonio en cada un, e que a imposibilidade de contraer matrimonio ás persoas trans non vulnera os dereitos antidiscriminatorios recollidos no Convenio Europeo de Dereitos Humanos.
Decisión do Tribunal
O Tribunal recoñece que a imposición de certas esixencias, máis restritivas no caso das parellas de feito ou que simplemente convivan xuntas, son decisións do lexislador de cada Estado membro, que é libre de establecer, sen que o feito de existiren se poida considerar discriminatoria.
Neste caso, non nos atopamos cunha discriminación baseada só e exclusivamente na identidade sexual; porén, como sinala o Avogado Xeral, a discriminación non vén tanto polo recoñecemento da pensión, senón polo requisito indispensábel para ter acceso a ela, como é estar casado.
O Avogado Xeral é unha figura de asistencia ao TXUE. Preséntalle as súas conclusións nos asuntos nos que este forma parte, orientando ao Tribunal sobre a decisión final a tomar, aínda que este último non ten a obriga de se adherir ás súas manifestacións.
Podemos atopar a súa regulación nos art. 252 e seguintes do Tratado de Funcionamento da Unión Europea.
Como se expuxo previamente, o Reino Unido non permitía mudar o sexo no rexistro a unha persoa trans, mesmo após terse sometido a unha intervención de afirmación de xénero. Só permitía a rectificación ou modificación rexistral do nacemento en caso de erro de transcrición ou material.
Con independencia de que o TXUE teña recoñecido que os Estados teñen a facultade de lexislar en materia de Dereito de familia como mellor consideren, si é discriminatoria a prohibición indirecta de contraer matrimonio cunha persoa trans, pois vulnera o artigo 12 do Convenio Europeo de Dereitos Humanos[1].
Como conclusión, o Tribunal considera que o artigo 141 CE, en referencia ao desfrute dunha pensión de viuvez en condicións de igualdade e non discriminación, oponse á esixencia de contraer matrimonio para poder ser a persoa beneficiaria desta prestación. En tal caso, son os órganos xudiciais nacionais os que deberán comprobar se K.B. pode invocar o artigo 141 para que se lle recoñeza o dereito a R. de cobrar unha pensión de viuvez, no momento axeitado.
1. Trátase do antigo Tratado Constitutivo da Comunidade Económica Europea, na súa versión consolidada após o Tratado de Ámsterdan, de 1997. Un contido idéntico poderíamos atopalo hoxe no artigo 157 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea.
Reza:
“1.1. Cada Estado membro garantirá a aplicación do principio de igualdade de retribución entre traballadores e traballadoras para un mesmo traballo ou para un traballo de igual valor.
1.2. Enténdese por retribución, a tenor do presente artigo, o salario ou soldo normal de base ou mínimo, e calquera outras gratificacións satisfeitas, directa ou indirectamente, en diñeiro ou en especie, polo empresario ao traballador en razón da relación de traballo”.
2. Directiva 75/117/CEE (derrogada): https://eur-lex.europa.eu/legal-content/ES/ALL/?uri=CELEX%3A31975L0117
3. Trátase da sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea do 30 de abril de 1996. Asunto C-13/94 (P. c. S. e Cornwall County Council)
4. Dereito a contraer matrimonio