Resumo da resolución
O Tribunal Supremo resolve en casación ao respecto dos coñecidos como “Plans de Igualdade”: unha vez transcorren tres meses dende o seu envío ao rexistro correspondente, deben entenderse aprobados por silencio administrativo. Ademais, a resolución expresa que poida vir posteriormente non pode oporse a esta aprobación por silencio.
Feitos
A empresa “Ilunion CEE Limpieza y Medio Ambiente S.A.”, que tiña xa rexistrado un Plan de Igualdade, realiza unha adaptación do mesmo no ano 2021, solicitando a súa inscrición no Rexistro de convenios colectivos, acordos de traballo e plans de igualdade da Dirección Xeral de Traballo do Ministerio de Traballo e Economía Social.
A empresa é requirida para realizar emendas nos meses de xullo e agosto de 2021, sendo a última presentación de alegacións o 8 de setembro dese mesmo ano. Porén, e a 22 de decembro, por tanto máis de tres meses despois, non recibira ningunha resposta do Ministerio sobre a inscrición, nin aceptándoa nin denegándoa, e é por isto que solicita a este organismo unha certificación de silencio estimatorio (silencio administrativo positivo).
Unha certificación de silencio é un documento expedido pola Administración, de oficio ou tras solicitude da persoa interesada, no que se acredita que ten transcorrido o prazo máximo para se ditar e notificar unha resolución, sen se ter producido a mesma. Pode indicarse tamén o sentido que dar ao silencio.
Nalgúns casos en Dereito entendemos que, se pasa o tempo e non hai resposta, a solicitude está denegada automaticamente (silencio negativo). Noutros, a solicitude enténdese aceptada polo paso do tempo sen reposta (silencio positivo).
Sobre este punto xirará o núcleo da sentenza.
A Administración non atende a solicitude de certificación de silencio, e unha semana despois de recibila, emite resolución expresa denegando a inscrición da adaptación do Plan de Igualdade.
Argumentos das partes
Ilunion recorrerá esa decisión do Ministerio, pero tampouco lle darán a razón neste caso. Acudirá, por tanto, ao Tribunal Superior de Xustiza de Madrid, que por sentenza 533/2022 de 30 de setembro de 2022 indica que a solicitude de inscrición é aceptada porque o silencio, neste caso, debe ser positivo.
O lapso de tempo, sen resposta, tería producido automaticamente a aceptación da inscrición, facendo que a negativa posterior da Administración non tivese efecto.
O Ministerio recorrerá esta decisión do TSX Madrid, en casación, ao Supremo. Sostén a Avogacía do Estado que neste caso o silencio opera en sentido negativo, por térense transferido a entidades sociais facultades de servizo público1. Indica tamén que o resultado é contrario ao Ordenamento Xurídico.
Tanto Ilunion coma a Fiscalía comparten posición: non debe darse a razón ao Ministerio en casación, pois a sentenza de Madrid (silencio positivo) é axeitada.
Decisión do Tribunal
O Tribunal Supremo realiza dúas reflexións de inicio. Por unha banda o rexistro dos Plans de Igualdade é unha obriga da empresa. Por outra, a excepción do artigo 24.1 da Lei de Procedemento non pode ser interpretada extensivamente. É unha excepción ao réxime xeral de silencio positivo.
Compartindo criterio coa Fiscalía, apunta a que a norma que obriga a ter Plans de Igualdade non lles transfire ás empresas ningún servizo público. Trátase de entidades privadas que deben evitar a discriminación laboral, e a obriga de elaborar procedementos nese eido non implica transferencia algunha dunha función administrativa ou dos poderes públicos.
Por tanto, sinala o TS, o silencio debe operar en sentido positivo.
A resolución posterior denegatoria da Administración non pode sosterse. Trátase dunha garantía dos dereitos da cidadanía, que lles achega seguridade xurídica: o silencio é unha mostra do incumprimento das obrigas dos poderes públicos e se a Administración cre que a estimación por silencio debe anularse, é obriga seguir os procedementos apropiados para declarar nulos os seus actos.
O Supremo é contundente: “a resolución administrativa desestimatoria extemporánea (fóra de prazo) carece de eficacia xurídica”.
Esta resolución realízaa o Tribunal Supremo sobre os coñecidos como “Plans de Igualdade”, que a partir do 8 de marzo de 2022 son obrigatorios para empresas que contan con 50 ou máis persoas no cadro de persoal.
Cómpre lembrar que dende o 2 de marzo de 2024 as empresas con 50 ou máis persoas empregadas veñen tamén obrigadas a contaren con Plans en materia de diversidade, en aplicación do artigo 15 da coñecida como “Lei Trans” (Lei 4/2023, de 28 de febreiro, para a igualdade real e efectiva das persoas trans e para a garantía dos dereitos das persoas LGTBI).
Lembramos o seu parágrafo primeiro:
- “As empresas de máis de cincuenta persoas traballadoras deberán contar, no prazo de doce meses a partir da entrada en vigor da presente lei, cun conxunto planificado de medidas e recursos para alcanzaren a igualdade real e efectiva das persoas LGTBI, que inclúa un protocolo de actuación para a atención do acoso ou a violencia contra as persoas LGTBI.(…)”
É de prever que, con respecto a estes últimos, a posición do Tribunal Supremo sexa similar ou idéntica á mantida nesta sentenza que comentamos, ao respecto dos Plans de Igualdade.
1. Así o recolle o segundo inciso do artigo 24 da LeY 39/2015, de 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común Das Administracións Públicas:
“O silencio terá efecto desestimatorio nos procedementos relativos ao exercicio do dereito de petición, a que se refire o artigo 29 da Constitución, aqueles cuxa estimación tivese como consecuencia que se transfiran ao solicitante ou a terceiros facultades relativas a domicilio público ou ao servizo público, impliquen o exercicio de actividades que poidan danar o medio ambiente e nos procedementos de responsabilidade patrimonial das Administracións Públicas”.