Denominase linguaxe androcéntrica o uso da forma masculina das palabras como forma neutra, por exemplo ao falar de “traballadores” para referirse tanto a homes como mulleres e persoas non binarias. Este uso é criticado polos movementos feminista e LGBTI mediante dous argumentos. Por unha banda, deféndese que este uso crea ambigüidade, xa que non sempre é evidente cando un termo fai referencia a todo un grupo ou só aos homes que forman parte del. Por outra, porque consideran que ese uso provén dun marco histórico e cultural que colocou aos homes como modelo de ser humano sen adxectivos, no que “o home” podía facer referencia a toda a especie humana, e “a muller” só a metade da mesma, un modelo no que os homes están no centro mentres que as mulleres ou persoas queer ocupan unha posición de alteridade.
O uso de linguaxe non androcéntrica por parte dunha empresa, tanto na comunicación interna como na que está dirixida ao público, visibiliza o compromiso da mesma cos valores da inclusividade e a igualdade de xénero. É unha medida sinxela de adoptar que axuda a que as mulleres e persoas non binarias que forman parte do persoal se sintan recoñecidas e valoradas, e fai destacar a empresa para a clientela que considera importante investir o seu diñeiro en entidades con compromiso social.
Existen diversas formas de linguaxe non androcéntrica, cada unha coas súas vantaxes e inconvintes. Entre estas alternativas as máis populares atópanse as seguintes:
- Feminino xenérico: parte do movemento feminista propón o uso do feminino
xenérico, por exemplo usar “traballadoras” para falar do conxunto do persoal
independentemente do xénero, mais este uso ten o mesmo defecto de crear
ambigüidade do que adoece o masculino xenérico. - Neutro directo: desde parte do movemento LGBTI proponse o uso da linguaxe
neutra directa, usando neoloxismos como “todes” ou “traballadoris” como formas
xenéricas. Porén, esta linguaxe aínda non atopa un uso estendido. - Caracteres sen marca de xénero: o uso de caracteres sen marca de xénero
como o “x” e o “@” en palabras como “todxs” ou “traballador@s” é inclusivo coa
diversidade de xénero, mais non é compatible co uso de software lector de
pantalla, polo que supón unha barreira para persoas con discapacidades visuais. - Desdobramento do morfema de xénero: o uso da barra diagonal para o
desdobramento do morfema de xénero (alumna/e/o) presenta un problema
semellante xa que, aínda que é unha fórmula máis adecuadas aos lectores de
pantalla, segue a dificultar a comprensión dos textos polas persoas usuarias
destas ferramentas se este desdobramento se repite moi a miúdo. - Desdobramento de xénero da palabra completa: Na última década gañou
popularidade o uso do desdobramento de xénero da palabra completa, con
expresións como “traballadoras e traballadores”. Aínda que esta forma está xa
moi normalizada ten eivas como a invisibilización das persoas non binarias. O
desdobramento triplo, usando “traballadoras, traballadores e traballadoris”
evitaría esta invisibilización, mais se nun mesmo texto é necesario facer estes
desdobramentos en numerosas ocasións, a lectura vólvese dificultosa. Nas dúas
formas de desdobramento compre ter tamén en conta a orde na que se coloca
cada xénero. Os movementos feminista e LGBTI consideran que optar por situar
primeiro o masculino contribúe á idea de primacía masculina na linguaxe que se
pretende evitar, polo que no caso de empregar esta fórmula recomendan colocar
primeiro a forma feminina ou neutra. - Linguaxe neutra directa: esta estratexia consiste en evitar o uso de palabras con
marca de xénero. Así, para escribir un texto en neutro indirecto só é necesario
substituír palabras con marca de xénero por palabras neutras, por exemplo ao
mudar “pintores” por “artistas”; usar termos colectivos sen marca de xénero, por
exemplo coa palabra “alumnado” no canto de “alumnos”; ou de non ser posible
ningunha destas alternativas mudar a frase de xeito que a palabra con marca de
xénero non sexa necesaria, por exemplo mudando “un dos usuarios do servizo”
por “unha das persoas que fan uso do servizo”.
A estratexia que semella máis prometedora neste momento para o seu uso por parte de entidades tanto públicas como privadas é a “linguaxe neutra indirecta”. Ao non introducir neoloxismos, caracteres alternativos nin formas gramaticais novas esta estratexia resulta doada de aplicar por parte da empresa e cómoda para ler ou escoitar por parte do público e o persoal. É clara, non induce posibles erros de comprensión, e non alonga demasiado os textos como ocorre co desdobramento, ademais é inclusiva con todas as identidades e accesible para persoas con discapacidade.