Visibilidade nas efemérides

Xa nos separa máis de medio século da revolta de Stonewall, unhas protestas contra a represión das persoas LGBTI que tiveron lugar en 1969 nos Estados Unidos e que levaron ao establecemento do 28 de xuño como día internacional do Orgullo LGBTI. Nas décadas que seguiron á creación desta importante efeméride, o movemento LGBTI organizado foi progresivamente completando o noso calendario con novas datas dedicadas á visibilización e reivindicación de distintas realidades relacionadas co colectivo.

Xa é común ver como todo tipo de entidades públicas e privadas muden as súas imaxes de perfil en redes durante o mes de xuño por unha versión que inclúa o arco da vella con motivo do Orgullo. Para unha empresa que ten interese en ofrecer un ambiente de seguridade e aprecio ás persoas LGBTI que ten contratadas, e que busca presentar ao publico xeral unha imaxe de marca inclusiva e socialmente consciente, coñecer e celebrar as distintas efemérides establecidas polos colectivos activistas pode supoñer unha ferramenta extremadamente valiosa.

Así, ter este calendario en mente é útil para dar ideas de publicacións en redes sociais ao equipo de márketing. Incluso pode interesar que se a presentación dunha campaña publicitaria vai coincidir cunha destas datas, por exemplo a visibilidade lésbica, pode buscarse unha sinerxía contando cunha parella de mulleres nas imaxes ou vídeos promocionais. Por outra banda, enviar desde dirección un correo electrónico interno celebrando unha data como o día da visibilidade trans pode ser un bo xeito de amosar o apoio da empresa a persoas trans empregadas, creando un ambiente de confianza e seguridade.

Non é necesario, nin posible tendo en conta o número de datas reivindicadas polo movemento, realizar algunha acción por todas e cada unha das efemérides ao longo do ano. Sempre é máis desexable centrarse nunha ou dúas datas e facer unha campaña ou escrito cun bo enfoque e deseño que tratar de subir unha publicación en redes baleira de contido para cada día sinalado.

A continuación presentamos un listado non exhaustivo de datas relevantes para o colectivo LGBTI:

19 de febreiro: día internacional contra a LGBTIfobia no deporte
1 de marzo: día internacional da cero discriminación
31 de marzo: día internacional da visibilidade trans
1 de abril: día estatal do libro LGBTI
26 de abril: día estatal da visibilidade lésbica
17 de maio: día internacional contra a LGBTIfobia
8 de xuño: día galego da visibilidade lésbica
28 de xuño: día internacional do Orgullo LGBTI
14 de xullo: día internacional da visibilidade non binaria
23 de setembro: día internacional da visibilidade bisexual
26 de outubro: día internacional da visibilidade intersexual
20 de novembro: día internacional da memoria trans
1 de decembro: día da loita contra a SIDA