A entrevista de traballo é un dos momentos máis decisivos nun proceso de
contratación. Nela fórmase unha impresión inmediata sobre a persoa candidata, e é
precisamente nese instante cando poden manifestarse nesgos e estereotipos que
distorsionen a avaliación profesional. O aspecto, a forma de falar, a expresión de
xénero ou incluso a maneira de vestir poden influír de maneira involuntaria na
percepción dunha persoa entrevistadora. Para garantir a igualdade de
oportunidades, é fundamental aplicar entrevistas libres de estereotipos.
As persoas LGBTI, especialmente aquelas cunha expresión de xénero non normativa,
poden enfrontarse a preguntas ou reaccións discriminatorias. Mulleres lesbianas
con aparencia masculina, homes gais efeminados ou persoas trans poden ser
avaliadas segundo criterios que nada teñen que ver co posto de traballo.
Tamén é habitual que a entrevista inclúa preguntas indirectas sobre vida persoal
como “Tes parella?” ou “tes pensado formar unha familia?”.
Estas preguntas, ademais de inadecuadas independentemente da identidade da
persoa aspirante, son ilegais e poden afectar de maneira desigual ás persoas LGBTI.
Principios dunha entrevista libre de estereotipos
- Avaliación baseada en competencias: valorar o que a persoa sabe facer,
non como é. - Neutralidade ante a expresión de xénero: evitar interpretacións sobre
profesionalidade baseadas no aspecto. - Preguntas estruturadas: o mesmo bloque de preguntas para todas as
persoas candidatas. - Dúas persoas entrevistadoras: para reducir nesgos individuais.
- Non preguntar sobre vida persoal: orientación sexual, situación
sentimental, plans de maternidade/paternidade.
Como pode unha empresa facer entrevistas máis inclusivas?
- Crear unha guía interna que recolla que facer e que evitar durante as
entrevistas. - Identificar e evitar preguntas ilegais ou invasivas.
- Incorporar exemplos de situacións onde aparezan estereotipos e como
evitalos. - Formar ao persoal de RRHH en igualdade e diversidade.
- Elaborar rúbricas de avaliación obxectivas.
As entrevistas libres de estereotipos non só favorecen ás persoas LGBTI: melloran a
calidade de todo o proceso de selección e axudan a crear empresas máis xustas,
humanas e diversas.